CRTVG

Buscar

Un vibrador e crema depilatoria para as gañadoras dun campionato de squash

Publicado o 22/05/2019 15:13

A pesar de que que se ten avanzado moito no recoñecemento das mulleres no mundo do deporte, o certo é que aínda queda moito por facer. Proba diso son casos como o que aconteceu hai uns días en Asturias, cando as gañadoras dun campionato de squash recibiron, canda o trofeo, un curioso paquete de produtos.

Elisabet Sadó foi sete veces campioa de España de squash e chegou a ser número un do mundo. O sábado volveu triunfar en Asturias, pero a sorpresa chegou ao recoller o premio. Ademais do trofeo, as deportistas recibiron de obsequio un vibrador, cera de depilar e unha lima eléctrica. As catro gañadoras denunciaron o xesto machista ante a Federación autonómica de Squash, que trasladou o caso ao Instituto Asturiano da Muller.

A deportista Elisabet Sadó apuntou tras o incidente: "Aínda que se diga que as mulleres participamos en igualdade de condicións no deporte, eu creo que non. Vivimos nunha sociedade machista, patriarcal, e isto é o seu reflexo".

A directiva do club organizador xa dimitiu e pide perdón. Din que non o fixeron con ánimo sexista e que o que pasou foi que non comprabaron antes os obsequios cedidos por terceiros. Pero o certo é que o debate ten que seguir aberto porque como declarou Sadó, "máis que sancionar ou castigar a alguén, o importante é que se cree un debate público sobre este tema e se vexa que queda moito por facer".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/05/2019