Unha vertedura dunha explotación gandeira afectalle á traída de auga de Santiago
A vertedura dunha explotación gandeira en Trazo que chegou ás proximidades da zona de captación de augas de consumo de Santiago, no río Tambre, obrigou o Concello a fixar restricións no abastecemento de auga e a establecer un protocolo de actuación para reducir o consumo. Desde a madrugada deixou de captarse auga no río Tambre.
As restricións levaron ao peche de todos os consumos municipais non esenciais, como as regaduras. Anunciáronse cortes na subministración nos barrios de Vista Alegre, A Peregrina e en zona altas como o Castiñeiriño. Nas próximas horas tamén lles afectará aos polígonos industriais de Boisaca, O Tambre e A Sionlla, ademais de a Meixonfrío, Grixoa, Garabal, Enfesta e San Caetano.
O concello habilitará camións cisterna para atender a demanda de varios barrios desde as oito da tarde.
O abastecemento realízase coa auga existente nos depósitos municipais e o centro urbano non se ve afectado, xa que hai suficiente no depósito da Almáciga. Pídese un uso responsable da auga.
A vertedura aféctalles tamén a Ames e Brión, xa que a potabilizadora de Santiago fornece O Milladoiro.