CRTVG

Buscar

Un veleiro centenario, o "Joaquín Vieta", fai rutas turísticas na ría de Muros e Noia

Publicado o 23/08/2020 14:38

O Joaquín Vieta, un balandro de cabotaxe de 18 metros de eslora, leva máis dun século navegando pola ria de Muros e Noia.

"É un barco construído polo fomentador Joaquín Vieta Ros, que tiña dúas conserveiras en Muros, para exportar as súas mercadorías", explica Sebastián Valverde, responsable da Asociación "A Ría da Estrela."
Logo de toda unha vida como barco de transporte de mercadorías, estivo a piques de ser despezado en 2004, pero un grupo de entusiastas da cultura mariñeira rescatou a embarcación.

"Tivérono que remodelar todo peza a peza, con moito esforzo, formaron unha carpintería de ribeira con xente que coñecía a embarcación, e a recuperación dura ata hoxe, xa que tódolos anos necesita moito traballo", explica Teresa Couto, membro da Asociación Cultural Joaquín Vieta

Desde entón, o Joaquin Vieta leva a bordo turistas. A asociación A ría da Estrela, que agrupa os concellos de Noia, Muros, Outes, Lousame e Porto do Son, pretende dar a coñecer o rico patrimonio natural e as industrias tradicionais da ría.


"Ao longo de toda a ría, hai ducias e ducias de antigas factorías, de aserradoiros, carpinterías de ribeira e conserveiras", explica Salvador Valverde. Durante o mes de agosto fan saidas de venres a domingo. En setembro, coincidindo co comezo da campaña do berberecho, comezarán unha nova ruta.

"Sair á zona central da ría para que a xente poida observar en directo e en temporada como centos de embarcacións e milleiros de persoas saen diariamente a explotar o berberecho nos lombos de Outes e de Noia".
Dúas horas despois, a travesía remata no porto do Freixo. Moi preto de aí, nunha carpintería de ribeira, botouse o Joaquin Vieta no 1916.
 

Noticias web

23/08/2020