CRTVG

Buscar

Un veciño transforma o aspecto do seu barrio de Santiago cun mosaico de cores

Publicado o 26/05/2021 15:13

Veciños e transeúntes do barrio de Santa Marta comparten espazo con personaxes senlleiros da cultura galega e universal, pero sobre todo coa luz e a cor. O muro gris e húmido que pechaba a rúa Espiñeira transformouse, da man dun dos seus habitantes, nunha porta aberta á creatividade e á alegría. Julio Ferreiro, veciño desta rúa e cámara de televisión de profesión, explica que sempre lle gustara a bricolaxe pero que non tiña ningunha noción da técnica do mosaico con azulexo.

Coas ideas que lle xurdían en cada momento e as que lle propoñían algúns veciños, comezou a materializar o seu proxecto. Emprega a técnica modernista do trencadís, popularizada por Gaudí, con azulexos maioritariamente reciclados, aínda que ultimamente tivo que mercar algúns ante a magnitude que foi collendo a súa arte. Di que cando se xubilou, púxose mans á obra, e xa leva un ano e nove meses nesta tarefa.

Un ano e nove meses de xornada completa que converteron esta rúa nun tesouro xa non tan oculto de Compostela e unha atracción para instagrammers, paseantes, curiosos e moito máis.

"Aquí non había ninguén, e agora hai nais que veñen cos nenos e lles dan aquí a merenda, parellas, xente que está a ler un libro, iso xa é moi gratificante, só por iso vale a pena".

Valeu tanto que Julio xa ten peticións para humanizar distintos espazos da cidade e transformalos, como fixo coa súa rúa, en lugares máis habitables.

Noticias web

26/05/2021