CRTVG

Buscar

Un veciño de Vilalba denuncia unha agresión na cara cun ferro

Publicado o 13/02/2019 14:36

Un veciño de Vilalba denunciou que foi agredido cunha trepia polo propietario da casa lindeira coa súa. O home ten feridas por toda a cabeza e mesmo recibiu puntos de sutura. O motivo da agresión non está claro, se ben a relación entre os dous veciños levaba tempo deteriorada. A vítima xa presentou a denuncia correspondente ante a Garda Civil.

Juan Pedreira, un veciño do lugar de Picoi, na parroquia vilalbesa de Árbol, aínda ten por toda a cabeza as feridas que lle causou a trepia coa que foi golpeado, presuntamente, polo propietario da vivenda lindeira coa súa.

Ao parecer, os dous homes comezaron unha discusión porque o supostamente agredido depositara esterco e xurro moi preto da casa do agresor. Este denunciou os feitos ante o Seprona e os axentes acudiron ao lugar para advertir de que os restos orgánicos debían ser retirados de inmediato. Cando marcharon os membros do Seprona, comezou unha discusión que foi subindo de ton e que rematou en liorta. O agresor usou unha trepia das que se utilizaban para quentar as potas sobre o lume para bater o seu veciño. Os ferros cravarónselle en distintos puntos da cara e da parte superior do cranio. Finalmente, a parella do presunto autor da agresión puido frear a lea.

Como consecuencia do acontecido, Juan tivo que ser atendido no ambulatorio de Vilalba, onde lle curaron as feridas e lle aplicaron puntos de sutura. Agora xa presentou denuncia polos feitos ante a Garda Civil de Vilalba e adxuntou o parte de lesións.

A vítima da agresión non quixo facer declaracións por medo a posibles consecuencias, pero asegurou que os problemas co seu veciño se derivan da súa negativa a mercarlle a casa. Di que non está disposto a pagar por un inmoble que non precisa e que lle suporía un gasto excesivo.
A casa está sen rematar e o seu dono e suposto autor da agresión reside habitualmente en Lugo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2019