CRTVG

Buscar

Un veciño de Vilalba aparece morto no río no paseo fluvial por onde adoitaba pasear

Publicado o 08/05/2019 14:31

Foi neste tramo do río Madalena entre o muíño do Rañego e a antiga leitería onde apareceu o cadáver de Manuel Feijóo Fernández, un veciño da parroquia vilalbesa de Mourence, de 89 anos de idade. Ao parecer, o home saía con frecuencia a camiñar polo paseo fluvial, incluso dúas veces ao día, polo que coñecía perfectamente a zona que, ademais, está preto do seu domicilio.

Un particular que pasaba polo lugar deu aviso ao 112 logo de decatarse de que o corpo do ancián estaba a aboiar na auga e sen sinais de vida. Ata o lugar trasladouse unha ambulancia do 061, pero só puideron certificar o falecemento do octoxenario. Os bombeiros de Vilalba foron os encargados de sacar o corpo da auga.

"Recibimos un aviso de que había un corpo na auga e achegámonos ao lugar, pero xa non se puido facer nada polo home porque estaba morto", afirma Ignacio Martínez, dos bombeiros de Vilalba.

O cadáver do ancián foi trasladado ao hospital Lucus Augusti de Lugo para practicarlle a autopsia e tentar determinar as causas polas que o home acabou caendo á auga. Nas inmediacións do lugar atopouse o seu caxato, polo que as primeiras hipóteses apuntan a que puido esvarar e mesmo golpearse na cabeza.

Malia que o paseo está valado, hai zonas en que é posible achegarse ao río e nelas as pedras son esvaradías.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/05/2019