CRTVG

Buscar

Un veciño de Valga de 66 anos morre atropelado por un tren cando cortaba leña en Catoira

Publicado o 18/02/2019 20:18

• Ocorreu nun paso sen sinalizar que adoitan empregar os veciños

• Atoparon o seu vehículo cun remolque onde levaba a motoserra

Ocorreu nun paso que os veciños de Catoira usan para cruzar ás súas leiras, pero que non está sinalizado. A vítima é un home de 66 anos que viñera a mediodía buscar leña do seu terreo. Carrexábaa dun lado a outro da vía, cando nun deses cruzamentos, apareceu un tren rexional que cobre o traxecto entre Vigo e A Coruña. Foi sobre as dúas da tarde. Nin o maquinista nin o home puideron facer nada por evitar o accidente. A circulación estivo cortada ata as cinco e media da tarde.

Foi sobre as dúas da tarde nesta zona en curva. A vítima, un home de 66 anos, cruzaba a vía do tren. Tiña a leña a un lado da vía e o coche coa que a ía transportar ao outro lado. Nun momento que cruzaba, o Rexional 12431 que cobre a liña entre Vigo e A Coruña levouno por diante e desprazouno uns 50 metros. Durante 3 horas e media o tráfico ferroviario estivo interrompido entre Vilagarcía e Santiago. Finalmente restableceuse ás cinco e media tras o levantamento do cadáver. Os viaxeiros do tren que sufriu o accidente foron trasladados a Santiago en medios alternativos, igual que os doutros servizos afectados.

Este paso é habitual para os veciños de Catoira, onde a vítima do atropelo era moi coñecida porque andara cobrando seguros. O 112 tentou desprazar ata a zona un helicóptero medicalizado para atender a vítima do atropelo, pero non puideron facer nada pola súa vida. A investigación da Garda Civil determinará as circunstancias do suceso. Os veciños quéixanse de que non se faga un paso soterrado na zona para cruzar as vías.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2019