CRTVG

Buscar

Un veciño de Ribadavia busca auga coa técnica zahorí

Publicado o 18/08/2021 21:05

Con só dúas varas é capaz de localizar os mananciais de auga que hai debaixo da terra, e mesmo distingue se son augas termais ou non. É un zahorí natural de Ribadavia, que descubriu esta técnica hai 30 anos e viviu dela ata a xubilación.

José Luis Picos Hermida: "Imos camiñando e, a medida que camiño, as varas vanse cruzando. Onde quedan paralelas, é por onde circula o manancial". Antes de converterse en zahorí, Luis dedicábase á prospección de terreos. Viaxaba tanto que cansou de estar lonxe da casa. Aprendeu a técnica da radiestesia e púxose a traballar pola súa conta. "Ao principio tiven bastantes fracasos porque sabía onde había auga, pero non se era un manancial grande ou pequeno", explica.

Perfeccionou a técnica cun péndulo: "Se o péndulo se move máis ou menos, podo calcular a cantidade de litros que pode dar o manancial por hora". Botou 30 anos facendo pozos con este sistema.

Detecta o caudal do manancial e se hai augas termais: "As varas son como antenas. Pero é a concentración mental a que che axuda a atopar a auga. Os científicos non saben ben por que, pero é unha realidade porque nós, no noso traballo, garantimos a auga".

Tradicionalmente, os zahorís empregaban varas de madeira. Luis tamén as manexa, de abeleira preferiblemente, pero as metálicas resúltanlle máis precisas.

Noticias web

18/08/2021