Un veciño de Ponteareas enfróntase a 19 anos de prisión por abusar dunha menor discapacitada
Segundo a fiscalía, en xuño de 2017, aproveitando a estadía da vítima no seu domicilio, o acusado empezou a enviarlle mensaxes e imaxes de contido sexual e pediulle a ela que lle enviara tamén fotos espida. Fotos que eliminaba para evitar que a súa muller as descubrise. Días despois, convidouna a pasear e fíxolle tocamentos e máis adiante a vítima relatou polo menos dúas violacións con penetración. Foron os pais de acollida da rapaza, que ten un 35 por cento de discapacidade intelectual, os que denunciaron os feitos ao descubrir as fotos e mensaxes no seu móbil. Na sesión de hoxe presentáronse as probas periciais.
O avogado da defensa citou dúas psiólogas que realizaron un contrainforme ao presentado polos forenses e psicólogos do IMELGA que entrevistaron a vítima. Aseguraron na vista que o relato da vítima non é crible, que contén contradicións, é parcial e que pode estar influenciado pola terapeuta que atendeu a rapaza despois dos feitos. Pola contra, os forenses e psicólogos que entrevistaron a vítima e o acusado foron tallantes nas súas conclusións: consideran que o relato da vítima foi amplo, descritivo, libre, espontáneo e non estivo influenciado nin foi construído.
O xuízo quedou visto para sentenza e as partes manteñen as súas peticións de penas: a defensa, a absolución; a acusación, máis de 30 anos de prisión; e a fiscalía pide unha pena de 19 anos de cadea e unha indemnización de 25.000 euros para a vítima.