CRTVG

Buscar

Un veciño de Poio falece ao caer dun patinete eléctrico

Publicado o 12/01/2020 22:01

Un condutor que pasaba pola zona atopou o home tendido no chan a carón do patinete eléctrico e deu aviso ao 112. Sucedeu a primeira hora da tarde nesta rúa do Campelo que baixa cara á lonxa, en Poio.

Cando os servizos de emerxencia chegaron ao lugar o mozo xa falecera. Tiña pouco máis de 30 anos e vivía, cos pais e tres irmáns, uns metros máis arriba do lugar do sinistro.

"Cando chegamos xa estaba a ambulancia medicalizada que certificou o falecemento.Non se sabe se caeu só, se foi unha manobra, de momento non se sabe. Descoñécense as causas", di Manuel Vicente Camaño, responsable de Protección Civil de Poio.

A Policía Local da localidade pontevedresa investiga esta morte como un accidente de tráfico. A vítima non levaba casco e barallan que puido levar un golpe na cabeza  pero non descartan que tivera algunha indisposición previa que causara a caída.

O cadáver foi trasladado ao hospital Provincial de Pontevedra, onde mañá lle practicarán a autopsia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/01/2020