CRTVG

Buscar

Un oleirense leva 20 anos buscando un cadro de Goya que lle roubaron en Miami

Publicado o 19/10/2021 15:32

"Dirixinme ao presidente dos EUA, George Bush, daquela, co obxectivo de solicitar a súa axuda para a devolución da miña pintura", conta Santos Miguel Ribadeneira, propietario do Goya roubado.

Tamén chamou ás portas do presidente de España e do gobernador da Florida Jeb Bush. Buscaba desesperadamente axuda para recuperar un retrato pintado por Goya que herdara de seu pai, natural de Soria que emigrara a Cuba. A súa particular odisea empezou en 2001 cando decidiu vendelo por 10 millóns de dólares e cometeu o primeiro erro, viaxar co cadro a Miami. Xa no aeroporto retivéronno e tivo que verificar que era da súa propiedade e non procedente dun roubo sucedido na casa das irmás Koplowitz.

"Roubáranlles non sei que cantidade de cadros e entre eles había un ou dos cadros de Goya. Ao ver que non era ningunha desas pinturas facilitáronme a saída", apunta Santos.

Xa en Miami, a venda demorouse e Santos tivo que regresar con urxencia a Oleiros. A segunda torpeza foi deixar a pintura custodiada polo curmán equivocado quen empeñou a obra por 2.000 dólares.

"Así foi como eu deixei o cadro a Honorio, xa o día antes porque non tiña a quen deixarllo da familia", continua

Comezou aí o seu calvario de busca. Logrou atopalo un ano despois nunha tenda dun iraniano pero a burocracia fixo que escapara outra vez. Agora xa non ten pistas, por iso quere dar a coñecer a súa historia por se alguén lle axuda a dar co seu paradoiro.

Noticias web

19/10/2021