CRTVG

Buscar

Un veciño de Noia esixe que limpen a maleza da leira que linda coa súa

Publicado o 26/08/2019 14:12

Manuel, veciño do lugar noiés da Ponte de San Francisco, asegura que leva anos convivindo coa maleza que medra na leira lindeira coa súa, a escasos dous metros da casa. Unha convivencia perigosa que di que supón unha acumulación de bichería, e que, ademais, teme que poida traer graves consecuencias.

Manuel Brenlla, veciño afectado: "O que máis me molesta é que, se hai lume, isto prende lume na viña, e a parede da casa está aquí. E eu durmo aquí".

Polo momento, o que xa lle provocaron foi que perdera o viño deste ano ao danar as cepas da viña. A última vez que limparon a propiedade foi hai 5 anos. Dende aquela, Manuel xa puxo varias denuncias e mesmo falou cos donos da leira, todo sen éxito.

"Non fan nin caso, ninguén me fai caso. No concello dinme que vaia outro día, que están traballando niso, pero hai dous anos que levo denunciando e non fan caso. Falei co dono da leira e co fillo, dixeron que ían vir, pero xa ves como está".

Se continúa esta situación, non desbota levar a cabo outro tipo de medidas.

"Ahora terei que chamar a todos os medios de comunicación e ir aínda que sexa a Bruxelas se fai falta".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/08/2019