CRTVG

Buscar

Un mozo de Lugo recibe 17 puntos no pescozo despois de quedar ferido nunha liorta

Publicado o 07/01/2019 14:16

Un veciño de Lugo de 24 anos de idade recibiu 17 puntos de sutura no pescozo despois de quedar ferido nunha liorta ás portas dun pub da zona vella da cidade. Parece que a ferida foi causada por unha botella ou un vaso de cristal rotos. O corte quedou a só un centímetro da vea xugular polo que lle puido custar a vida, se ben está fóra de perigo. Agora xa presentou denuncia pero non lembra ben o acontecido.

Foi nesta rúa dos Clérigos, á beira da catedral, onde quedou ferido un mozo de 24 anos que se viu envolto de madrugada nunha liorta entre varias persoas ás portas dun dos pubs da zona. O rapaz recibiu unha ferida no pescozo que precisou de 17 puntos de sutura. Pola forma do corte, todo indica que a mancadura foi producida por un obxecto de cristal, probablemente unha botella ou un vaso rotos.

O mozo tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital Lucus Augusti. Tivo moita sorte porque os cortes quedaron a apenas un centímetro da vea xugular, o que puido matalo. Agora xa está fóra de perigo.

Ao lugar acudiron varias patrullas da Policía Local e da Nacional. Esta última é a responsable da investigación sobre o acontecido. Aínda que nun primeiro momento dubidou, finalmente o rapaz decidiu presentar denuncia pola agresión sufrida. Con todo, di que non puido identificar a persoa que o mancou e recoñeceu ante os axentes que estaba baixo a influencia das drogas cando se desatou a liorta. A policía xa tenta identificar o agresor.

É habitual que nesta zona de Lugo se produzan ruídos e altercados nas noites de movida pero ata o de agora nunca se rexistraran feridas desta gravidade.

Noticias web

07/01/2019