Un veciño de Foz sofre un ataque de velutinas cando facía unha roza cun tractor
Juan Carlos Otero, veciño de Foz, sufriu unha ducia de picadas ao ser atacado polas velutinas. O ataque produciuse cando estaba a rozar un terreo cun tractor ás aforas da vila. Aínda que o vehículo quedou a uns 20 centímetros do niño, as avespas foron a por el, que tivo a sorte de contalo ao non ser alérxico.
Juan Carlos Otero, atacouno un enxame de velutinas: "Estaba rozando cun tractor sen cabina, dando marcha atrás coas cadeas, e no momento vin unha nube negra enriba da miña cabeza. Eran avespas, así que botei a correr por onde puiden. Deixei o tractor, escapei correndo e xa me vin envolto nelas, que se enredaron no pelo, e tiven doce picadas".
A vítima do ataque sufriu picadas das avespas por medio corpo, sobre todo nos brazos, no lombo e na cabeza. Daquela sentiu moita calor e a pel quedoulle adormecida nas feridas. Para paliar a dor, precisou corticoides. Juan Carlos Otero, atacouno un enxame de velutinas: "As picadas séntense coma se fosen unha trabada e como se te estivesen cortando cun bisturí. Sentes moita comechón, moitísima, e só queres auga fría para botar no corpo. Sobe moitísimo a calor".
Unha vez avisadas a Policía Local e Protección Civil, acudiron ao lugar os bombeiros de Barreiros, que eliminaron o niño.