CRTVG

Buscar

Un veciño de Culleredo denuncia que lle estafaron 7.000 euros nunha transferencia bancaria

Publicado o 02/09/2021 13:58

Rabia e indefensión é o que di sentir Daniel despois de que alguén accedera á súa conta para estafarlle case 7.000 euros.

Todo comezou cunha mensaxe de texto: "Daniel, hai un dispositivo non autorizado intentando entrar na túa conta da banca electrónica. Para confirmar datos, entra neste enlace".

E foi o que fixo, achegando os datos que lle pedían. Despois recibiu unha chamada: "En perfecto castelán di que lle deamos os códigos que imos recibir para cancelar a transferencia. Dámoslle os códigos e cortan a chamada".

Daniel empeza a sospeitar, entra na conta e xa ve que os cartos voaran con destino a Lituania. "Chamamos á banca electrónica, pero din non pode facer nada por evitar a transferencia", comenta.

Ten claro que a estafa foi especialmente sofisticada porque "ven cun sms de ABANCA, a web de ABANCA, é posible que haxa unha diferenza na dirección, pero non sei canta xente se pode fixar cando vai facer unha transferencia".

A denuncia policial xa está posta, e tamén unha reclamación contra a entidade financeira da que di sentirse decepcionado. "Porque a única resposta que temos é o cargo de 21 euros que nos fixeron por facer a transferencia a Lituania".

Televisión de Galicia contactou coa entidade bancaria, que, polo momento, non quere facer declaracións.

Noticias web

02/09/2021