CRTVG

Buscar

Un veciño de Coristanco morre tras caer do seu cabalo en Santa Comba

Publicado o 09/10/2017 13:50

Un home de 66 anos morreu dun golpe na cabeza, tras caer do seu cabalo en Santa Comba.
O falecido participara nunha xuntanza cabalar e regresaba á súa casa en Coristanco cando aconteceu o accidente. 

Nesta pista de Randufe, no concello de Santa Comba, foi onde ocorreu o accidente, contra as oito da tarde do domingo. 

Un grupo de xente que viña de participar nunha concentración cabalar, regresaba á casa. Segundo explicaron, dous xinetes que ían diante viron pasar un cabalo en desbandada e deron volta sobre os seus pasos. No camiño atoparon o seu compañeiro. Aparentemente xa estaba morto. 

Foron eles os que chamaron ao teléfono das urxencias médicas. Ao lugar achegouse unha ambulancia co médico do PAC de Santa Comba, que foi quen certificou o falecemento. O home tiña un golpe na cabeza. Tamén se desprazaron patrullas da Garda Civil de Muros e de Santa Comba. 
A xuntanza cabalar das Caselas celébrabase a dous quilómetros escasos e os seus organizadores decidiron suspender a actuación musical prevista para a noite.

O falecido tiña sesenta e seis anos, era veciño da parroquia de Cuns, en Coristanco, e un participante habitual nas xuntanzas con cabalos. Ás once da noite levantaron o cadáver e trasladárono ao hospital de Conxo, para facerlle a autopsia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2017