Un veciño de cen anos de Sober é o autor das figuras de madeira que compoñen o belén municipal
Publicado o 19/12/2020 20:41
BELEN ARTESAN 100 ANOS
Ruperto ve hoxe a montaxe que o Concello de Sober fixo coas figuras que durante tres anos tallou en madeira para formar este belén tipicamente galego.
Hai vacas, pitos e ovellas, familias de labregos, un carro coas uvas da vendima e os músicos, tan representativos desta zona, teñen nome propio porque están inspirados en veciños do propio artesán.
Tódalas figuras saíron das mans deste home, centenario xa, que aproveitaba as gallas que atopaba para darlles forma.
Con máis de cen figuras, o belén chama a atención porque está ambientado nunha aldea galega. Os reis magos levan boina e sombreiro
Realizado co mimo e a experiencia que dan os anos, este belén pode visitarse ata mediados de xaneiro na casa da cultura de Sober.