CRTVG

Buscar

Un veciño da Pobra pártelle unha perna á dona dunha inmobiliaria

Publicado o 07/02/2019 12:48

Unha veciña da Pobra do Caramiñal recupérase no hospital do Barbanza dunha agresión. Un home entrou no seu negocio, comezou a ciscar todo polo chan e mallou nela rompéndolle unha perna. O autor deste ataque é un coñecido veciño na vila polo seu comportamento violento.

Un individuo de mediana idade causou unha lea no interior da inmobiliaria Arenal no centro da vila. Entrou no local e case sen mediar palabra empezou a tirar cousas ao chan, incluíndo un computador e numerosos documentos, deixando a oficina toda revolta.

Agrediu a dona do negocio. Tirouna ao chan, causándolle feridas de diversa consideración.

Unha ambulacia evacuou a vítima ao hospital do Barbanza. As lesións que padece a muller son de carácter grave, con fracturas de tibia e peroné, das que foi operada.

Unha persoa que estaba na inmobiliaria gravou o presunto agresor co teléfono móbil. Ao parecer, o agresor estivo a perseguir a propietaria da inmobiliaria. Saíu detrás dela cando marchou un instante e mesmo chegou a ameazala de morte.

Cando ela regresou ao interior da súa oficina, pechoulle a porta para evitar que volvese entrar, e logo viron como o home marchaba cara á zona da praia.

Outras persoas manifestaron que o presunto agresor leva varios días causando problemas e xa tivo episodios agresivos e que mesmo intentou acoitelar a súa propia filla.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/02/2019