CRTVG

Buscar

Un único concello, o da Illa de Arousa, resiste a covid−19 na comarca do Salnés

Publicado o 29/11/2020 15:19

En 1985 a ponte conectaba fisicamente por primeira vez unha poboación co resto de Galicia. Dende onte a covid−19 volvía separar os seus habitantes, pois a Illa de Arousa é o único concello dos nove que conforman a comarca do Salnés que non ten restricions especiais polo avance da pandemia.

"Estamos moi contentos nesa parte: comportámonos ben e todo esforzo ten un pouco a súa recompensa, porén, con isto da covid−19 nunca se sabe, porque vai cada quince días, cada semana... Temos medo, temos incerteza co que vai pasar agora que vén o Nadal", comenta unha veciña.

Esta maña o ambiente na Illa de Arousa era de relativa normalidade, con bares e restaurantes abertos e con xente nas terrazas. Os residentes poden continuar quedando cos amigos e mesmo facer deporte xuntos, ata un máximo de seis persoas. Pero esa liberdade ten letra pequena, e os insulares non poden desprazarse, agás por causas xustificadas, ao resto da comarca, por estar confinada. Porén, si que poden atravesar as zonas prohibidas sempre que o destino sexan concellos sen restricións.

Luis Arosa, concelleiro de Tráfico do Concello da Illa de Arousa puntualiza: "A xente pode saír do concello, ir a concellos que non teñan restricións, como o caso de Catoira, Caldas... os concellos máis próximos a nós que non teñan restricións. O que non poden é ir a Vilanova ou Vilagarcía, calquera sitio que estea con restricións, é dicir, toda a comarca".

Moitos dos residentes estrañaban hoxe cuestións cotiás como facer as compras nos concellos lindeiros, algo prohibido agora. De feito, xa hai sete propostas de sanción nos primeiros controis policiais. E continúan sometidos ás restricións xerais: toque de recollida e limites á ocupación dos comercios e a hostalería. A cambio, os veciños da Illa poderán seguir gozando dun auténtico paraíso en Galicia.

Noticias web

29/11/2020