CRTVG

Buscar

Un único acertante de Maceda gaña dous millóns no sorteo da Bonoloto

Publicado o 28/01/2020 08:01

O primeiro en festexar o premio foi o vendedor de lotería. Avisárono da Delegación de Loterías en canto rematou o sorteo. Acababa de repartir 1.989.738 euros.

"Xa mirei as miñas correndo, e xa vin que non era o afortunado, pero encantado de que en Maceda toque un premio tan importante".

A nova correu rápido por Maceda. Desde primeira hora comezaron a chegar á administración os clientes habituais, para comprobar os seus boletos, pero sen moitas esperanzas.

"Non, porque a Bonoloto non a xogo, entón xa non me ilusionei nada". "Eu é a Primitiva e dixo (a miña filla) tocouche a Bonoloto. Vaia, pois que Deus dea saúde".

Outros conformábanse co café de todos os días, expectantes ante cada novo cliente que entraba pola porta, non fora ser o agraciado. Por aquí non pasa moita xente de fóra, así que confían en que un veciño sexa o novo millonario.

"Mellor, imposible. Oxalá fose un veciño da vila, que así quedaba algo por aquí". "A min gustaríame que fora da vila, que así sempre se apaña algo, entre veciños...".

Fixo un investimento moi rendible, porque só apostou un euro, e foi a máquina a que elixiu os números.

"Non tivo que romper a cabeza como facemos todos, para poñer os mesmos na Primitiva e na Bonoloto. Por sorte para o cliente foi chegar, pedir un euro e... dous millóns!".

Luis herdou a administración dos seus pais, e el e mais a súa muller xa levan máis dunha década traballando aquí. Repartiron varios premios, de menor contía.

"Así ven que temos a máquina conectada con Madrid, que din "que vai tocar!", pois vaia, de cando en vez damos un chispazo".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí