CRTVG

Buscar

Alemaña acepta extraditar a Puigdemont por malversación pero non por rebelión

Publicado o 12/07/2018 20:53

Puigdemont será extraditado polo delito de malversación, pero non polo de rebelión. A decisión da xustiza alemá non pode ser recorrida pola Fiscalía, pero si polo ex-presidente catalán. O xuíz Llarena agardará a recibir a resolución para decidir se acepta a entrega de Puigdemont.

Carles Puigdemont poderá ser entregado á xustiza española, pero só polo delito de malversación, non polo de rebelión, a máis grave das acusacións que pesaban sobre o ex-presidente catalán. En España, a rebelión está castigada con ata 30 anos de cadea, mentres que a malversación contempla unha pena máxima de doce anos de cárcere. Os avogados de Puigdemont apelarán ao Tribunal Constitucional de Alemaña para que tamén retiren a imputación por malversación. Tras coñecer a decisión da xustiza alemá, o ex-presidente catalán publicou un chío en que di que loitará ata o final. 

Unha decisión que tamén provocou reaccións en España. O presidente catalán, Quim Torra, dixo que é un día importante porque cambia a situación xudicial.

Unha opinión que comparte En Comú Podem, que reclama que se retire a imputación por rebelión aos políticos presos en España. Mentres, Partido Popular e Ciudadanos celebran a extradición por malversación, aínda que critican que se beneficie os que fuxiron do país.

O xuíz Llarena agardará ata recibir a resolución da xustiza alemá para decidir se acepta a entrega de Puigdemont. Se a rexeita, o ex-presidente catalán podería ser xulgado por rebelión nun futuro se é detido en España ou noutro país da Unión Europea en que os tribunais si acepten as condicións da euroorde.

Tras coñecer a decisión da xustiza alemá sobre Puigdemont, o voceiro do PP no Parlamento Europeo pediulle ao Goberno que suspenda a aplicación do tratado de Schegen. Esteban González Pons dixo que a euroorde non funciona e que nesas condicións a supresión das fronteiras é un risco.

O Goberno non valora a resolución xudicial, só a respecta. O importante, di Pedro Sánchez, é que as persoas involucradas no referendo do 1 de outubro serán xulgadas por tribunais españois.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018