CRTVG

Buscar

Un tren de borrascas atravesa Galicia esta semana

Publicado o 14/10/2019 14:48

Vinte días despois do seu comezo oficial, pódese dicir que o inicio real foi esta fin de semana. O outono fai acto de presenza en Galicia cun clásico: o tren de borrascas atlánticas. O domingo entrou a primeira, con choiva abundante e baixada acusada das temperaturas. Esta mesma mañá entraba o segundo vagón dese tren con máis precipitacións, e a cousa non para aí.

Desde Meteogalicia, Juan Taboada explícanos que "a seguinte borrasca activa, cunha fronte tamén de moita chuvia, chega o mércores, así que mañá martes haberá unha situación intermedia, con nubes e claros, algún chuvasco ocasional, e o xoves outra vez o mesmo, pero en definitiva, aqueles días, como tivemos o pasado xoves ou venres, de sol e mesmo calor, desde logo esta semana están completamente descartados".

O peor de hoxe parece que xa pasou, a media mañá xa se abrían claros tanto no interior, así estaba o ceo de Compostela, como na costa, con esta calma chicha en Vilanova de Arousa. Mesmo así, vai seguir chovendo á tarde e non se descartan tormentas con aparato eléctrico.

Na madrugada do martes ao mércores, antes da chegada da nova fronte, haberá un episodio de vento no litoral que pode deixar refachos de máis de 80 quilómetros por hora e forza 7 no mar.

"O que estamos vendo é que a atmosfera cambiou xa o seu modo de actuación, as borrascas están máis preto de Galicia e vannos coller no seu camiño, na súa traxectoria", conclúe o meteorólogo.

Unha traxectoria que, ao longo desta semana, terá tráfico intenso de frontes atlánticas.

 

Noticias web

14/10/2019