CRTVG

Buscar

Un tremor de 7,1 sacode California e convértese no peor sismo na rexión neste século

Publicado o 06/07/2019 22:14

Un novo terremoto, de 7,1  na escala Richter, sacudiu esta noite o sur de California, e xa é o peor sismo da rexión no que vai de século. O tremor durou 40 segundos, puido sentirse en toda a rexión e estivo acompañado de máis dunha vintena de réplicas. De momento, non hai constancia de que se rexistrasen vítimas.

Quedou rexistrado nestas imaxes domésticas. Pasaban poucos minutos das oito do serán, as cinco da mañá hora galega, e o sur de California vivía un terremoto de 7,1 de magnitude na escala Richter. Iso converteuno no peor tremor daquel estado no que vai de século.

Con epicentro a douscentos quilómetros ao sueste dos Ánxeles, preto do deserto de Mojave, prolongouse durante corenta segundos e superou amplamente o susto que a véspera representou un sismo de 6,4 e dez segundos de duración. Ademais de fendas nos alicerces de vivendas e do esboroamento de muros, causou a rotura de conducións de gas, dando pé a incendios.

Os sismólogos do Instituto Californiano de Tecnoloxía confirmaron vinte réplicas e alertaron de que a secuencia pode seguir. Aínda que non se ten coñecemento de vítimas persoais, o gobernador declarou o estado de emerxencia nos condados de Kern e San Bernardino.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/07/2019