CRTVG

Buscar

Ruta a pedais ata Dinamarca para pedirlle a Vestas que non peche a planta de Viveiro

Publicado o 03/10/2021 11:53

Un traballador de Vestas iniciou este domingo unha viaxe que o vai levar en bicicleta ata Dinamarca. Quere deste xeito pedirlle á dirección da empresa que non peche a planta de Chavín, no concello de Viveiro. Compañeiros e representantes municipais acudiron a despedilo. 

Alejandro Paleo percorrerá uns 2.800 quilómetros, a distancia que separa a planta galega da sede central da compañía. Prevé realizar o traxecto en etapas cunha duración total estimada de 15 días, e o reto poderase seguir en directo a través das principais redes sociais.

"Esta fazaña culminará coa entrega dunha carta en man dirixida á directiva de Vestas en Dinamarca para que non se peche a planta situada na Mariña, como se anunciou hai apenas unha semana", subliña o comité de empresa. 

Despedida en Chavín

Emoción e un forte sentimento de unidade era o que se respiraba en Chavín na despedida de Alejandro Paleo, un dos 115 traballadores de Vestas que están baixo o xugo dun ERE co que a empresa quere pechar a fábrica de compoñentes de aeroxeradores.

O seu argumento é que o mercado xa non demanda o que aquí se fabrica, pero o comité, que defende a rendibilidade da planta, sospeita que o interese da multinacional é deslocalizar a produción para poder abaratala.

Alejandro leva unha furgoneta de apoio e, como vitaminas para o cansanzo, o afecto e apoio das ducias de compañeiros, amigos e veciños que o despediron coreando que o emprego se defende loitando.

Manifestación en Santiago

Para este martes ás 15:00 horas convocaron unha nova manifestación en Santiago previa á xuntanza da mesa industrial convocada pola Xunta. Están citados o goberno central, a empresa e os persoal para intentar negociar a paralización do ERE.

Noticias web

03/10/2021