Un infiltrado da CIA desvelou as presións de Trump ao presidente de Ucraína
Un membro da CIA que estivo destinado na Casa Branca é o denunciante anónimo que destapou o suposto intento de Donald Trump para conseguir a interferencia da Ucraína nas próximas eleccións presidenciais dos Estados Unidos.
O axente, que pide protección por seguridade, achega documentación que demostraría que a Casa Branca tentou ocultar a información sobre a conversa entre Trump e Zelenski, que trataron de eliminar o contido da chamada ao presidente da Ucraína das súas computadoras habituais e que arquivaron informáticamente como información reservada.
Esta acusación do suposto intento da Casa Branca por encubrir a Trump faina o mesmo denunciante anónimo que desvelou a conversa pola que acusan ao presidente de Estados Unidos de buscar a inxerencia dun país estranxeiro nas eleccións de 2020.
"Este é un caso único e sen precedentes", afirmou Joseph Maguire, o director da Intelixencia Nacional de Estados Unidos respaldou o denunciante e defendeu por seguridade o seu anomimato. Sábese xa que é axente de CIA, especialista en política europea e que estivo destinado na propia Casa Branca.
A información foi desclalificada tras as presións demócratas ao coñecer o caso destapado polo New York Times, do que xa dan en denominar "a trama ucraína".
"Nunca pensei que un presidente puidese cometer este tipo de accións", di a demócrata Nancy Pelosi, que impulsa no Congreso do proceso de destitución a Donald Trump. O responsable dos republicanos na Comisión de seguridade do Congreso, Richard Burr, promete chegar ata o final. Mentres, algúns senadores replublicanos como Mitt Romney tamén empezan a desmarcarse do presidente.
Aínda é moi cedo para saber se o proceso de destitución conseguirá no Senado a difícil maioría de 2/3 precisa para derrocar a Trump. Nos medios estadounidenses comezan a usar paralelismos entre este caso e o Watergate, que provocou a dimisión de Nixon antes de que rematase o proceso de destitución.