CRTVG

Buscar

Un total de oito nenos xa foron rescatados da cova na que permanecían en Tailandia

Publicado o 09/07/2018 20:54

En Tailandia, xa son 8 os rapaces rescatados dunha cova onde quedaron atrapados. No interior seguen aínda catro nenos e máis o seu adestrador. Pero terán que agardar. Os labores de rescate suspendéronse ata mañá.

Os equipos de rescate sacaron este luns outros catro nenos da cova inundada en Tailandia.  Os rapaces foron trasladados en ambulancia a un hospital. A un deles, o primeiro en saír, levárono en helicóptero ata o centro sanitario máis próximo. Polo de agora non transcenderon detalles sobre o seu estado de saúde, pero as autoridades aseguran que están ben. Tampouco os seus familiares puideron velos, para evitar riscos de contaxio.

Nestes momentos hai un total de 8 rapaces rescatados. No interior da cova quedan aínda catro nenos e o seu adestrador de fútbol. Pero terán que agardar para saír. Os mergulladores que os están liberando precisan descansar. E tamén hai que repoñer as botellas de aire colocadas ao longo de todo o percorrido.

En todo caso, a segunda xornada de rescate considérase xa todo un éxito e dá novos ánimos ao gran dispositivo despregado na zona. As autoridades confían en que o rescate poida concluírse entre este martes e o mércores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/07/2018