CRTVG

Buscar

Un tornado levanta parte do novo paseo da Lanzada e obriga a evacuar un colexio

Publicado o 10/01/2018 14:18

Un temporal está a atravesar hoxe Galicia. Os seus efectos son ben visibles no mar, tamén na montaña, e en terra, atención ao que pasou hoxe en Sanxenxo.

O temporal anunciado para hoxe xa nos deixa as primeiras incidencias. A máis importante en Sanxenxo, onde parte do novo paseo de madeira da praia da Lanzada saíu despedido por mor dun tornado que tamén causou danos en tellados e obrigou a desaloxar o colexio de Noalla.
O transporte de ría entre Vigo e o Morrazo suspendeuse polo estado do mar. Hai alerta laranxa e ondas de seis metros.

Así quedou o paseo peonal da Lanzada na parroquia de Noalla, en Sanxenxo. A madeira saíu polo aire e parte dela rematou sobre o patio do colexio de Noalla. Neste concello voaron outras cubertas e tamén tellas. Os efectivos de emerxencias de Sanxenxo atribúen estes estragos a un fenómeno atmosférico singular, como un tornado. Na costa pontevedresa a alerta laranza deixou outras pegadas. As ondas chegaron a seis metros pola mañá en Cabo Silleiro.

O groso do temporal de choiva, vento e lóstregos foi contra ás nove e media da mañá. Con esa previsión, as navieiras suspenderon o transporte de ría en Vigo ata as once da mañá. Tamén a frota de Baiona manexaba esta previsión, pero non quixo desaproveitar o día de pesca e moitos barcos saíron entre as catro e as seis da mañá. As capturas foron escasas.

Os de Baiona quixeron aproveitar esta xornada de mércores xa que os vindeiros días o temporal podería impedir a saída de todas as embarcacións.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/01/2018