Un tapiz floral marcará o acceso á Porta Santa no inicio do Ano Xacobeo 2021
A Federación Galega de Alfombristas empeza mañá a confección da alfombra floral que marcará o acceso á Porta Santa da catedral de Santiago no inicio do Ano Xacobeo 2021, e hoxe foi día de preparativos para os colectivos participantes.
Os alfombristas de Bueu teñen todo recollido, porque está todo preparado para comezar mañá a confección dese tapiz floral que, por primeira vez, acompañará este acontecemento.
Desde esta vila mariñeira, ademais de moitas horas de traballo, achegarán cuncha de vieira, cuncha de berberecho, lavada, tinxida, moída, follas de magnolio, hortensias secas que recolleron hai meses e terra a ese deseño que poderemos admirar na mañá do 31, horas antes da apertura da Porta Santa da catedral de Santiago, na praza da Quintana.