CRTVG

Buscar

Un tanatorio de Rodeiro salta á fama pola súa publicidade macabra

Publicado o 17/04/2019 17:23

Un pequeno tanatorio galego está a coller unha gran fama en toda España. O motivo atopámolo na súa peculiar maneira de publicitar o negocio, un tanto macabra. O dono ideou un slogan que non deixa indiferente a ninguén. Iso si, hai reaccións de todo tipo cando se bromea coa morte.

Esta é a frase que gusta a oitenta mil internautas. É o slogan publicitario dunha funeraria de Rodeiro, no interior de Pontevedra, no centro case exacto de Galicia.

"Segue fumando. Esperámoste."
"Para que morras antes. Fumar é iso."
"Eu tamén teño un velorio e non poño animalada semellante."

E é que a morte é certa, pero o humor é incerto.

"Pódese bromear con calquera cousa mentres non se tome a mal."

Pois preguntamos no tanatorio. Luís foi o pai da idea, que xa naceu hai anos.

Luís: "Pasaba un señor tusindo e díxenlle que seguira fumando que pronto ía pasar por aquí."

E comezaou a facer chisqueiros a esgalla, milleiros deles. Todo un éxito viral... pero con excepcións.

Luís: "Sobre todo xente maior, que o colle en serio e di que xa o quero botar á sepultura, que lle saque de aí o chisqueiro."

Non todo son sorrisos cando se bromea coa morte.

Luís: "Hai que tomar a cousa con humor, que isto xa é un pouco fastidiado, moi triste, así que mellor alixeirar con algo de carallada."

Tamén ten chaveiros, ataúdes en miniatura para as chaves da casa. Para as chaves da vida, este tanatorio propón o humor... e non fumar.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/04/2019