Un serbio e unha viguesa converten unha aldea de Lobeira nun espazo de encontro para emprendedores
Máis aló da agricultura e gandería hai proxectos para recuperar o rural. Por exemplo, o que puxeron en marcha dous mozos na aldea de Senderiz, concello de Lobeira.
Crearon un espazo de encontro para emprendedores de distintos sectores. Polo de agora xa pasaron profesionais de máis de 40 nacionalidades diferentes.
Un espazo: varias casas rehabilitadas na aldea ourensá de Senderiz. Dous mozos promotores, Edo de Serbia e María Rodríguez de Vigo... e unha idea, crear un lugar de desconexión onde emprendedores e tamén artistas poidan organizar proxectos e compartir experiencias.
"A xente acode aquí non só para ser máis produtiva, senón para pasar tempo na natureza e conectarse con outros profesionais", cóntanos Edo Sadikovic.
Xa pasaron por este espazo de traballo cooperativo 900 persoas de 46 nacionalidades distintas. Aquí dispoñen de Internet, aloxamento, comida e garantía de poder concentrarse no propio proxecto.
Pode ser este un bo exemplo para demostrar que se pode volver a recuperar o rural sen ter que traballar na agricultura ou gandería. Iso si, que non falte unha boa conexión a Internet.