CRTVG

Buscar

Un restaurante de Narón reconvértese e alúgase a particulares

Publicado o 08/06/2020 14:03

Como para tantos negocios de hostalería, a crise do coronavirus foi unha mazada para este local da parrroquia de Sedes, en Narón. Eva levaba tres anos á fronte deste restaurante que tivo que pechar dun día para outro e non se viu con forzas para volver abrir nas actuais condicións. Así que decidiu reconverter a súa idea de negocio, despois de darlle moitas voltas. 

Eva Blanco, dona do restaurante: "Botando moitas lágrimas porque foi un mazazo tremendo. Montar un negocio, remontar un negocio, porque tivemos que quitar unha serie de cousas que viñan de atrás. Agora estabamos nese momento no que o equipo era perfecto, tiña seis persoas do mellor, tanto en cociña como en sala". Para non pechar por completo, optou por alugar o local para particulares: por día enteiro, para o xantar ou para cear. Inspirouse nalgúns locais do País Vasco onde se xuntan grupos de amigos para cociñar e pasar o día. Neste caso, se fai falta, ela mesma ofrécese a cociñar. 

Eva Blanco, dona do restaurante: "É un local para gozar, para que a familia, os amigos, quizais tamén empresas de cátering que non dispoñan de locais propios, para eventos privados, comuñóns, vodas, para todo." O alugueiro inclúe a utilización das cociñas e do menaxe do restaurante. Agora queda por ver a aceptación que terá esta nova receita.

Noticias web

08/06/2020