Un renovado Coruxo afronta a décima temporada consecutiva na Segunda B
Comeza oficialmente a décima aventura consecutiva do Coruxo na Segunda B. Faino con doce caras novas, e estreando corpo técnico. Argumentos para pensar outro ano na permanencia, e quen sabe se algo máis.
"Son dez anos xa na Segunda B, iso fala moi ben do Coruxo, pero sempre falta ese paso adiante, como pode ser a Copa do Rei. Imos ver onde nos pon a competición, pero hai equipo para facer cousas importantes", di o capitán, Antón de Vicente.
Entre os reforzos destaca Jonathan Vila, con experiencia na Primeira e en destinos exóticos como Israel ou a India. Valores engadidos nunha temporada cun grupo I que aumentou a esixencia, e as viaxes. O porriñés cre que "este ano toca un grupo anómalo. Hai grandes equipos, seguramente será máis complicado. Pero cando te enfrontas a eses equipos, se cadra as ganas e a motivación son maiores."
Mocidade e veteranía mestúranse nun Coruxo que comeza a campaña coas mellores sensacións.