CRTVG

Buscar

Un relator da ONU advirte das "grandes diferenzas rexionais" que hai en España en materia de axudas sociais

Publicado o 28/01/2020 15:17

O relator sobre Extrema Pobreza e Dereitos Humanos da ONU, que estes días visita distintas comunidades españolas, alerta sobre o aumento da desigualdade social. Philip Alston mantivo un encontro en Santiago coa Valedora do Pobo e con entidades que loitan contra a pobreza e a exclusión en Galicia.  Alston advertiu que hai grandes diferenzas rexionais en España en canto ás prestacións e axudas sociais para as persoas en risco.

E é que, a pesar de que a economía española "mellorou" desde a recesión do 2008, o relator das Nacións Unidas fixo fincapé nas "dificultades moi serias" de certos colectivos para "recuperarse" da crise. 

"A situación da xente que ten recursos mellorou excesivamente, a economía mellorou, pero os sectores máis baixos da poboación seguen vivindo en circunstancias moi difíciles", explicou Philip Alston.  

Entre os grandes retos que afrontan estes colectivos, o relator nomeou o acceso a unha vivenda e "o emprego precario". "E logo existen grandes diferenzas rexionais en canto ás prestacións", engadiu.   Neste sentido, dixo que a súa visita a España, onde estará "dez días máis", servirá para "entender" o porqué deste elevado nivel de risco de exclusión para despois "estar en condicións" de formular recomendacións.

Noticias web

28/01/2020