CRTVG

Buscar

Un rebentón deixa sen auga todo o barrio de Caranza durante dúas horas

Publicado o 14/02/2020 14:37

Contra as sete da tarde producíase a avaría. Foi neste punto, á altura da rúa Lepanto, onde rebentou unha tubaxe situada a uns catro metros de profundidade. A auga comezou a saír a cachón. Tal e como confirman veciñas do barrio, algunhas rúas convertéronse en auténticas riadas.

Houbo mesmo que interromper o tráfico momentaneamente na zona. E mentres a auga corría pola rúa, deixaba de saír da billa, tal e como conta a camareira dunha cafetería da zona, que tivo que deixar de facer café.

O sector da hostalaría foi seguramente o que máis notou o corte, dun par de horas. Algúns dos 12.000 habitantes do barrio nin sequera se deron conta. Pasadas as nove da noite o servizo volveu paulatinamente aos fogares de Caranza, aínda que inicialmente a auga saía turbia.

Desde a asociación veciñal destacan a rapidez coa que se interveu para restablecer o servizo. Aínda non se sabe canto tardará en repararse a canalización, polo que de momento o abastecemento chega desde o conduto que fornece a zona da Gándara.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/02/2020