CRTVG

Buscar

Un rapaz da Pobra memoriza 15.469 decimais do número pi

Publicado o 28/07/2020 15:13

Un rapaz da Pobra do Caramiñal memorizou máis de 15.000 decimais do número pi. Recitounos durante dúas horas e media ante un avogado e dous verificadores, e bateu o récord de España. Unha cámara recolleu o acontecemento.

Todo o mundo sabe que o número pi é 3,1416, e que ese seis resume en realidade unha sucesión infinita de decimais. Imposible sabelos todos, xa que nunca se acaban, pero Javier Barral, un químico de 26 anos da Pobra do Caramiñal, conseguiu memorizar preto de 15.500, e recitounos, tombado e cos ollos vendados, diante dun xurado.

"Desde o primeiro decimal ata o 15.469 por orde, por suposto, e sen cometer ningún erro", lembra o rapaz.

Bateu a marca de España, que estaba en 2.200, aínda que esa non era a súa intención, senón aproveitar o tempo durante o confinamento e pasalo ben.

"A miña idea era simplemente adestrarme nisto para entreterme durante a corentena. Fun aprendendo rápido, nunha semana xa pasaba dos mil.

Todos os días tiña que dicilos todos e aprender 150 novos.

"Tes que namorarte do proceso, do que fas, e que se che pasen as horas voando, que era o que me pasaba a min. Eu gozaba con iso", di.

Unha tía súa chamáballe Pi cando era neno, unha casualidade que non ten nada que ver co número resultante de divivir a lonxitude da circunferencia pola do diámetro, pero que parece que foi premonitoria.

Noticias web

28/07/2020