CRTVG

Buscar

Un ramal da coada norte ameaza o barrio de La Laguna e desaloxan 800 veciños

Publicado o 13/10/2021 08:54

As campás resoan nun barrio cada vez máis baleiro. Os 800 veciños de La Laguna, no municipio de Los Llanos, aproveitaron as seis horas que lles deron para sacar todo o que puideron das súas casas antes de que chegue a lava.

A lingua de lava que ameaza La Laguna é un ramal da gran coada do norte creada a fin de semana ao colapsar o cono principal e está a uns 200 metros do mar. Foi a que sepultou o polígono industrial de Los Llanos e avanza a uns 10-15 metros por hora, lenta pero inexorablemente.

A lava cobre xa 600 hectáreas da Illa da Palma. Segundo os expertos, o volcán non dá mostras de esgotamento e o final da erupción é impredicible porque non se ve que se esgoten as emisións de xofre, indicador do reservorio de magma que aínda ten o volcán.

Mentres, o volcán segue expulsando cinsa, especialmente negra; din os científicos que é pola fragmentación de magma e cobre boa parte de estradas e casas da Palma. Bombeiros e membros da UME están axudando a limpala, día tras día, para evitar que se derruben os tellados. Nalgúns casos, a area acumulada ten ata 60 centímetros de espesor.

E estoutras son as primeiras imaxes submarinas do delta lávico, gravadas a 70 metros de profundidade, que serviron para corroborar que non hai actividade na illa baixa.

Noticias web

13/10/2021