Un raio mata oito vacas en Abadín
Foi neste prado do monte veciñal de Montouto, en Abadín, onde morreron oito vacas de raza rubia galega alcanzadas por un forte lóstrego. Os animais estaban a pacer, igual que todos os días, libres no monte. A mala fortuna quixo que se desatase unha treboada e que o raio fose atraído pola auga do regato que cruza a parcela. As oito vacas morreron de xeito inmediato mentres que o resto do rabaño, outros 17 exemplares, puideron sobrevivir.
No remate da mala sorte, as reses mortas estaban nun avanzado estado de preñez e ían dar a luz nas vindeiras semanas. Dese xeito, as perdas para os donos da gandería poden ser superiores aos 16.000 euros entre o valor das vacas mortas e o das que estaban por nacer. Polo menos, os seguros agrarios cobren este tipo de sinistros.
O suceso produciuse nun lugar de moi difícil acceso, polo que foi preciso levar as vacas case un quilómetro costa arriba ata o lugar onde podían ser recollidas polo camión dos residuos animais. Un traballo que se prolongou durante horas polo tamaño e peso dos animais e porque só se podía acceder cunha pa de cadeas ao estar o terreo mollado.
Esta é unha zona moi castigada polos ataques de lobos, pero os gandeiros non contaban ter que enfrontarse aos lóstregos, especialmente tendo en conta a cantidade de aeroxeradores e antenas que hai e que deberan actuar de pararraios.