CRTVG

Buscar

Un quinto CDR podería saír de prisión pagando unha fianza de 10.000 euros

Publicado o 26/12/2019 16:59
Un quinto CDR podería saír de prisión pagando unha fianza de 10.000 euros

A Audiencia Nacional acordou prisión eludible baixo fianza de 10.000 euros para un quinto membro dos Comités de Defensa da República (CDR) investigados por terrorismo, unha medida que xa ditou para outros catro imputados. Despois de que esta mañá se coñecera que unha xuíza decretara fianza para Ferrán Jolis, agora a Sala do Penal fai o mesmo con Alexis Codina, aínda que lle impón o dobre de fianza: 10.000 euros.

Á espera de que ambos paguen as respectivas cantidades que lles permitirán a súa saída en liberdade, con eles xa son cinco os investigados nesta causa aos que a Audiencia levanta a prisión preventiva, acordada o pasado mes de setembro. No auto en que estima parcialmente o recurso de Codina á prisión, a Sala imponlle con todo como medidas cautelares a obrigación de comparecer semanalmente perante o xulgado, a prohibición de saír do país e a designación dun domicilio.

Se ao deixar en liberdade aos imputados Xavier Duch, Xavier Buigas e Eduard Garzón, a Sala argumentou que non participaron materialmente na fabricación e tenza de explosivos, nesta ocasión explica que no domicilio de Codina -a quen os investigadores situarían nun principio no "núcleo produtor" do grupo- non se atoparon explosivos como tal, senón "substancias precursoras". Aínda que si dispoñía de documentos "con información para elaborar explosivos", non se achou "termita, senón precursores da mesma", di o tribunal. 

Con esta decisión da Audiencia, xa só dous investigados na causa permanecen en prisión: Germinal Tomás e Jordi Ros, a quen os investigadores sitúan no "núcleo produtor" do grupo. Os sete están investigados nesta causa por formar parte presuntamente do Equipo de Resistencia Táctica (ERT), unha facción radicalizada dos CDR que supostamente planeaba sabotaxes con explosivos con motivo da sentenza do 'procés'. O xuíz impútalles delitos de pertenza a organización terrorista, conspiración para causar estragos e fabricación e tenza de explosivos.