CRTVG

Buscar

Un queixo azul de Chantada, o mellor de España

Publicado o 17/04/2019 10:04

A queixería de Chantada Airas Moniz fabrica o mellor queixo azul de España. Polo menos foi o que ganou o primeiro premio do Salon Gourmet de Madrid. Elaborado con leite de vacas que só comen pastos, é un queixo artesanal de sabor intenso e untuoso.

"Recibir este premio supón poñernos no escaparate de toda España como medalla de ouro de queixos azuis. Obviamente ten repercusión", di Ana Vázquez, queixeira de Airas Moniz.

Hai lista de espera para conseguilo. O queixo ao que máis se parece é o famoso Stilton inglés, pero o de Chantada é máis intenso e ten carácter propio.

"A característica e a untuosidade, a cremosidade, e unha intensidade en boca en que se poden apreciar moitísimos matices durante un tempo bastante longo", engade Ana Vazquez

Airas Moniz naceu para recuperar tradicións, facer algo distinto e engadir valor á contorna.

"Poñer en valor o medio en que estamos, o medio rural, pero non só o medio rural, tamén a contorna, o patrimonio ambiental, cultural....", explica.

O Savel non é o primeiro produto con premio. O Salón Gourmet de 2017 déralle Medalla de Prata ao queixo Terra, a súa primeira creación.

Noticias web

17/04/2019