CRTVG

Buscar

Un profesor recolle 12.000 sinaturas a través de Internet para pedir unha volta segura ás aulas

Publicado o 25/08/2020 16:24

Sergio Nunes, profesor de secundaria do IES de Rodeira, en Cangas (Pontevedra), entregou este martes na delegación da Consellería de Educación de Pontevedra máis de 12.000 firmas que reuniu grazas á plataforma change.org para esixir á Xunta unha volta ao colexio segura.

"Cremos que hai cousas que se poden facer aínda que só queden 15 días" para o inicio do curso escolar, dixo Nunes, que lembra que a loita por garantir a seguridade de alumnos, persoal laboral e familias comezou en xuño, pero a Consellería "non quixo modificar nin negociar nada".

Lembra Nunes que, segundo os expertos, son os espazos pechados e concorridos os que máis facilitan a expansión do virus, que é o que caracteriza ás aulas galegas, polo que é imprescindible reducir o cociente de alumnos por aula para tratar de evitalo.

No seu instituto, onde imparten ensino 91 docentes, fixeron un cálculo cos espazos de que dispoñen e están seguros que con tres docentes máis poderían reducir o cociente de 34 alumnos a 20, que "non é o ideal pero axudaría", pero viron que "a Consellería non quixo".

Baixar deses 20, asegura, "é máis complexo e faría falta unha política máis decidida", e refírese concretamente á instalación de barracóns ou a utilización doutros espazos mesmo no exterior do centro educativo.

En todo caso, sinala que aínda que o protocolo da Xunta "é exhaustivo, falla no fundamental", porque "o principal é que os rapaces vaian á clase, xa que é a única forma de compensar as diferenzas económicas" que xera a educación en liña, e para iso faltan medidas de seguridade.

Preocupa tamén a dificultade de seguir o protocolo sanitario da Xunta, que fala de desinfectar tres veces ao día as instalacións.

"No noso centro hai dúas persoas de limpeza para 900 persoas que conviven seis horas, e iso parece un pouco ridículo", sinala Nunes.

Para os impulsores da campaña en change.org e para el mesmo, "o enfado foi crecendo" ao ver que se tomaban medidas en centros de día, autobuses ou cafetería, pero non na escola, e esperan que aínda haxa tempo para corrixir cuestións que consideran manifestamente mellorables. 

Noticias web

25/08/2020