Un preso do cárcere de Monterroso lesiona tres funcionarios ao botarlles lixivia á cara
Con lesións nos ollos e con irritacións na pel. Así quedaron os tres funcionarios da prisión de Monterroso que acudiron á cela dun interno que se estaba a dar golpes na cabeza contra a parede. Cando os traballadores trataron de evitar que se autolesionase, o presunto agresor botoulles lixivia á cara e intentou darlles puñadas e patadas.
Manuel Vázquez, delegado sindical de CSIF: "Ao cambiaren de módulo, esta persoa considerou que non estaba ben alí e decidiu autolesionarse. Os compañeiros foron para impedilo, porque nós traballamos con persoas, e o máis importante é que non sufran dano ningún. Ao tratar de suxeitalo para evitar que se autolesionara, lanzoulles unha botella de lixivia aos ollos".
Tras seren atendidos polos servizos médicos, os tres traballadores foron trasladados a urxencias sanitarias do hospital Polusa de Lugo. A raíz do acontecido, e por sentírense desprotexidos, o sindicato dos funcionarios de prisións reclama o seu recoñecemento como axentes da autoridade.
Manuel Vázquez, delegado sindical de CSIF: "Os internos teñen unha percepción de impunidade. De feito, poden facer calquera denuncia de malos tratos, co que moitas veces poñen en cuestión a profesionalidade dos funcionarios, cando nós realmente prestamos un servizo de calidade a pesar de estar abandonados pola propia administración e ese abandono fai que nin sequera esteamos considerados axentes da autoridade".
Pola súa parte, o presunto autor das agresións foi derivado ao hospital Lucus Augusti de Lugo para atenderlle as lesións na cabeza.