CRTVG

Buscar

Un preso agride brutalmente catro funcionarios do cárcere da Lama

Publicado o 03/06/2021 13:19

O incidente produciuse despois da cea no módulo 4 de internamento ordinario. Un preso ameazou outro e os funcionarios interviñeron para evitar que se enlearan e reaccionou violentamente agredindo os catro funcionarios que acudiron para intentar reducilo.

Os catro traballadores tiveron que ser trasladados ao hospital polas graves lesións que sufriron. Dáse a circunstancia de que o preso que os agrediu xa fora trasladado desde Teixeiro por protagonizar un feito semellante, e a pesar diso segue nun módulo normal, cando cren que deberían estar illado como interno perigoso.

O incidente reavivou as protestas dos funcionarios polas precarias condicións en que traballan. Denuncian falta de medios, persoal e formación. Aseguran que a Lama é o cuarto centro penitenciario de España onde se producen máis agresións a funcionarios: 147 nos últimos anos.

Os sindicatos convocaron para mañá unha concentración ás portas da prisión da Lama en repulsa polos feitos, e en demanda de solucións por parte dos xestores dos centros penitenciarios.

Noticias web

03/06/2021