CRTVG

Buscar

O terremoto en Haití deixa 227 mortos e centos de feridos e de desaparecidos

Publicado o 14/08/2021 23:11

• Prevén moitas vítimas
• Biden ordena unha resposta inmediata dos EUA ao tremor

Haití vive unha situación cualificada como "dramática" polo propio primeiro ministro deste país, que é o máis pobre de América. As numerosas gravacións en vídeo con teléfonos móbiles dan conta do que se está a vivir alí. O sismo de magnitude 7,2 provocou "considerables perdas en vidas humanas e materiais". Esa é a versión oficial, pero polo de agora barállanse cifras moi provisionais. Polo menos son 227 os mortos como consecuencia do sismo. Hai que ter en conta as carencias relacionadas con comunicacións ou equipos de rescate e sanitarios para entender que se vai demorar no tempo unha avaliación precisa do desastre.

O epicentro do tremor situouse a escasos 160 quilómetros de Porto Príncipe, unha cidade con considerable densidade poboacional. A sacudida comezou ás 14:29 horas da tarde (hora galega). Pouco despois emitíase unha alerta de tsunami e, de feito, neste vídeo pode verse xente fuxindo da auga, que entra nas rúas periféricas da cidade de Los Cayos. Horas despois retirábase a alerta e recomendábase simplemente manter a vixilancia por se houbera flutuacións anormais nas mareas.

Outro terremoto ocorrido en Haití en 2010, con magnitude 7, provocou unha auténtica catástrofe. Deixou 300.000 mortos e un millón e medio de damnificados. Iso non presupón, nin moito menos, que o impacto nesta ocasión poida achegarse a esas cifras, pero en próximas horas e días coñecerase o alcance real do desastre. Desde os Estados Unidos, o presidente Biden ordenou unha "resposta decontado" en auxilio dos haitianos.