CRTVG

Buscar

Un poste eléctrico leva anos no medio e medio dun camiño na parroquia viguesa de Oia

Publicado o 25/11/2020 14:14

É o último poste dunha liña eléctrica e aí leva, segundo din veciños da parroquia viguesa de San Miguel de Oia, máis de vinte anos. Con todo o que supón de atranco para a mobilidade dos coches.

Semella que algún día anchearon o camiño e o que daquela era unha beira converteuse no centro e aí segue, a xeito de separador de carrís de circulación. O malo é que o ancho da vía, pouco máis de cinco metros, non dá para tanto.

Dous veciños e un usuario do camiño explican que o poste supón un inconveniente grande para a mobilidade de coches voluminosos e, especialmente complica o paso cando se trata de camións. Consideran que o camiño ten tráfico e, ademais conduce ao colexio.

Outro di que non sabe se é cousa do Concello ou de Fenosa, pero si que é unha vergonza.

Non é o único poste eléctrico do Camiño do Rozo que precisa cambio de sitio. Segundo din, houbo xestións de particulares para quitar o do medio pero, polo visto, sen éxito.

Noticias web

25/11/2020