CRTVG

Buscar

Un porco foxe do cortello pola noite e aparece nunha marquesiña ao día seguinte

Publicado o 18/10/2019 14:13

Na parroquia de Loxo, en Touro, non se fala hoxe doutra cousa. Un porco ten a culpa. El foi o protagonista da historia que mobilizou a Protección Civil e a Garda Civil deste concello.

Manuel Rodríguez Calvo, Protección Civil de Touro: "Sobre as doce da noite recibiuse unha chamada do 112 dun particular que alertaba dun porco no medio da estrada, o meu compañeiro saíu e non viu nada. Pola mañá volveron chamar que estaba un porco nunha marquesiña".

Despois de toda unha noite de paseo, o aventureiro porco que fuxiu do seu cortello foi deixando rastro por toda a aldea dos Torreis de Abaixo, e cando os nenos ían coller o bus para ir á escola atopáronse cunha sorpresa.

Manuel Rodríguez Calvo, Protección Civil de Touro: "Mentres estaba o porco alí, non quería saír da casa para a marquesiña. O porco estaba tombado todo tranquilo, e dixemos ten que ser de alguén de aquí".

Os seus propietarios pensaron nun primeiro momento que se trataba dun roubo, ata que o porco regresou á súa casa moi ben acompañado polos membros de Protección Civil.

Manuel Rodríguez Calvo, Protección Civil de Touro: "Nada, intervención cero, simplemente acompañar o porco ao seu lugar. O dono pensou nun principio que llo roubaran e respirou aliviado, ao mesmo tempo medio se enfadou dicindo que a muller lle deixara aberto ou fora el, non se sabía moi ben".

Unha fuxida con final feliz para os propietarios do animal. Quizais para o protagonista desta historia non tanto, xa que se achega o mes de novembro e, como ben di o refrán, a cada porquiño chégalle o seu San Martiño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2019