Un porco celta de Friol non para de gañar concursos de manexo
Publicado o 23/09/2019 19:51
A curiosa distribución das súas cores fixo que lle puxeran de nome Pantalóns, pero ademais de lucir mallas este porco celta criado en Friol é todo un atleta. É o semental da explotación, pero é tan manso e dócil que o comezaron a levar a concursos de manexo e non para de conseguir premios. Xa foi profeta aquí, na súa terra, pero agora acaba de conquistar tamén territorio veciño.
Pantalóns ten tres anos e uns 350 quilos, que non lle impiden moverse con soltura ante os retos que lle poñen.
Agora descansa nesta explotación de Friol, onde contan cuns 60 porcos. O próximo reto de Pantalóns será dentro duns días en Lugo, malia que desta volta o concurso será morfolóxico.