CRTVG

Buscar

Un pontevedrés intenta xustificar 40 anos de malos tratos pola súa adicción ao alcol

Publicado o 14/01/2021 13:51

Malos tratos, agresións sexuais e ameazas. Isto é o que asegura que viviu unha muller sobre todo nos últimos dous anos dos 40 que durou o seu matrimonio. Na súa denuncia di ademais que dende que puxo a demanda de divorcio o home ía pola súa casa para meterlle medo.

A fiscala pide 26 anos de cadea para o acusado, quen recoñeceu que tiña problemas co alcol e que no 2018, data da denuncia, a parella tiña dificultades económicas. Vivían cunha pensión da muller que non chegaba aos 500 euros. Tamén dixo que discutían e se insultaban mutuamente e que el chegaba a bater cos puños nas paredes ou portas, pero que nunca lle puxera unha man enriba á muller. Negou as acusacións de agresións e violación.

A vítima declarou a porta pechada por orde das maxistradas. Na denuncia aseguraba que foi neses días cando botou o seu home da casa cando sufriu a agresión. Afirma que a agarrou polo pescozo; e outro día que volveu buscar roupa intentou quitarlle os pantalóns á forza. Afirmaba que nos últimos dous anos, entre o 2016 e 2018, a convivencia se volvera insoportable, despois de ser moi dura durante 37 anos e que decidira divorciarse. Como a propiedade é dela, pediulle as chaves e botouno da vivenda.

A filla do matrimonio dixo que seu pai sempre fora un home violento e que lle tiña medo mentres viviu na casa familiar. Declarou tamén unha veciña que asegurou que escoitara o acusado ameazar de morte a súa muller en reiteradas ocasións no último ano.

A forense dixo que a vítima tiña un trastorno de ansiedade por unha situación vital estresante, problemas de sono e que agora está a tratamento, malia que nunca o estivera antes. Tamén asegurou que vive atemorizada por medo a sufrir unha agresión que acabe coa súa vida.

Noticias web

14/01/2021