CRTVG

Buscar

Un pontevedrés denuncia que quedou sen aforros pola acción dun 'hacker'

Publicado o 13/09/2021 14:02

Víctor Manuel Besada leva dous meses tratando de recuperar 7.000 euros que saíron da súa conta nunha entidade bancaria con destino a unha sucursal dun banco estranxeiro en Madrid sen que el, asegura, dese autorización ningunha. Todo empezou cando un individuo respondeu ao seu anuncio de que alugaba un piso. Víctor envioulle o contrato en que indicaba un número de conta para aboar a fianza. Non fixeron o ingreso e levantáronlle o que tiña aforrado noutra conta tamén de Abanca. Explica Víctor que entón recibiu unha chamada da súa entidade informándoo do baleirado da conta.

Víctor Manuel Besada Serén asegura: "Abanca díxome, ás catro horas, que o diñeiro estaba en Madrid bloqueado".

Denunciou o feito ante a policía e, segundo explica, nese momento en comisaría dixéronlle que Abanca os chamara para informar de que os cartos xa ían en Irlanda. Quedou sorprendido.

"Se ese diñeiro está bloqueado non pode ser movido nin transferido, por moito hacker que haxa", di o prexudicado.

Engade que, ante a negativa dos responsables de Abanca a entregarlle os seus cartos, acudiu a un avogado. El asegura que non desvelou ningunha clave nin contrasinal que propiciase a estafa. Sospeita que foi un erro da entidade bancaria: "Paréceme que algo tivo que fallarlles, porque se é unha libreta que non ten movementos e ás catro horas chámanme e, ademais, cando se fai un traspaso de grandes cantidades débese chamar o usuario para ver se o acepta. Pero non me chamaron e, por riba dos 7.000 euros, Abanca cóbrame un euro de comisión".

Este luns volveu á oficina bancaria coa pretensión, segundo dixo, de que o atendese algún responsable. Aos poucos minutos saíu como entrara e co oco dos 7.000 euros na súa conta de aforro, na que só deixaron pouco máis de cen euros. De Abanca ten unha comunicación que di que todo se debeu a un virus no seu teléfono móbil.

Noticias web

13/09/2021