Un pontevedrés acumula 19 sancións por incumprir as restricións
Nestes doce meses de pandemia, a maior parte da poboación cumpriu coas medidas e as restricións, aínda que sempre atopamos excepcións e abonda botar unha ollada ao redor. Pero se nos cinguimos ás cifras, por exemplo, na cidade de Pontevedra, que ten unha poboación de algo máis de 83.000 habitantes, a Policía Local impuxo durante este ano 1.567 sancións. 222 foron a persoas reincidentes, o que reduce aínda máis o número de sancionados.
Entre eles, destaca o caso de dous individuos que acumulan máis dunha ducia de multas por negarse a poñer a máscara ou incumprir o toque de recollida. Un deles ten 19 propostas de sanción e outro 12. Son persoas con problemas de marxinalidade e que viven na rúa.
Porén desde a Policía Local fan un balance positivo. Insisten en que os pontevedreses son respectuosos coas restricións e que os incumprimentos son excepcionais.