CRTVG

Buscar

Un policía local de Lugo fóra de servizo frustra o roubo de dúas vivendas

Publicado o 30/07/2020 13:54

A xornada libre deste policía local de Lugo acabou sendo unha grande actuación que permitiu frustrar dous roubos. Ía de camiño a xantar cuns familiares cando viu un vehículo que lle resultou sospeitoso.

Os feitos aconteceron na parroquía de Santiago de Saa, onde o axente comezou a perseguir o coche ata que deu con el agochado nunha pista.

"Cruceime cun coche que só ía ocupado por unha persoa e polo espello retrovisor vin que levaba a matrícula cunha tea negra, e iso chamoume a atención e dei a volta e seguino. Vino metido nunha corredoira con bastante vexetación. A matrícula de diante si a vin, e el debeu chamar por teléfono a outros dous que estaban rebentando dúas casas", sinala Alejandro Cordeiro, axente da Policía Local de Lugo.

Nese momento o axente mesmo recoñeceu o condutor do vehículo e pensa que o sospeitoso fixo o mesmo e alertou os seus cómplices, e pouco despois recolleunos nas inmediacións da igrexa, de onde saíron fuxindo sen botín ningún.

"El saíu da corredoira a fume de carozo cara á igrexa e parou e recolleu dúas persoas. Non levaban nada nas mans que vira eu nin nada. Eu penso que me recoñeceu porque tivemos unha actuación uns días antes e debeu falar cos outros por teléfono e deixaron todo á porta das casas asaltadas e saíron correndo",  sinala Alejandro Cordeiro, axente da Policía Local de Lugo.

O axente quedou custodiando as vivendas ata que chegaron os seus compañeiros da Policía Local. Cando revisaron a parcela, comprobaron que forzaran as portas das dúas vivendas, pero atoparon no chan diversas ferramentas e outros obxectos que deberon deixar atrás na súa fuxida logo de seren descubertos.

Agora o caso está en mans da Policía Nacional.

Noticias web

30/07/2020